Polas terras de Fiz

POLAS TERRAS DE FIZ

Francisco X. Fernández Naval

Dende a primavera chamaban por nós as terras de Lóuzara, o territorio íntimo de Fiz Vergara Vilariño. Eran as dez da mañá do mércores 8 de decembro, cando saímos para Sarria. O día amencera con chuvascos e néboas e pensamos que a climatoloxía condicionaría a excursión. Agardaban por nós María Casar e Xerardo Alvaredo, activistas da Asociación Cultural Ergueitos e da memoria do Fiz.
Aínda chovía cando de Sarria marchamos para Samos e tamén cando subimos cara Aira Padrón, o lugar no que se sitúa a primeira das instalacións que forman parte do percorrido artístico-emocional do Fiz polo seu val xabreiro de Lóuzara. A néboa esfiañábase nas abas dos montes que circundan o val louzarín e, nese intre, deixou de chover. Ao longo das horas que durou o percorrido, o tempo foi coma unha paréntese entre orballos, un agasallo do día de decembro, coma se o alento do Fiz contivera a chuvisca e a brétema.
Maribel e Xerardo son fotógrafos e os dous souberon apreciar, gozar e retratar a limpeza da luz, as pingas acesas pendurando das pólas, as cores do outono serodio, a fermosura desa paraxe pola que transcorre, de fito en fito, o roteiro do poeta que tan ben cantou a súa paisaxe en versos fondamente humanos. Comentabamos, María e eu, que eles gardarían memoria do detalle percibido a través do obxectivo, mentres que nós abriamos moito os ollos para que nos entrara neles tanta natureza e tanta frescura.
Unha tras outra sucedíanse as pezas artísticas, sempre á beira dos versos do poeta. Cada peza dun artista: Xesús Otero Yglesias, Manuel Buciños, Primitivo Lareu, Álvaro de la Vega, Miguel Marcía, Violeta Bernardo, Mónica Alonso, Paco Boy, Fernando Yáñez, Daniel Caxigueiro, Manuel Caamaño, Eduardo Valiña e Paco Pestana. Cada peza unha sorpresa, unha emotiva interpretación do espacio e do instante e con elas, os poemas de Fiz Vergara Vilariño, debullando esta poética xeografía sentimental dun escritor que soubo conxugar o amor polo seu eido coa intensidade vivencial, dándolle aos versos o carácter de cántico vital do home.
Con Imelda e Irene, as irmás de Fiz, visitamos a casa e a Fonte da Cova, e estivemos no interior do muíño onde o poeta muiñeiro escribiu algún dos seus poemas: ¡Ai de min que me acho senlleiro,/ xunto ó vello muíño,/ a che tecer unha coroa de soños e lembranzas,/ e pan centeo da derradeira fornada!
Varios son os valores que se conxugan neste espacio presidido polo rumor constante do río Lóuzara, espacio tan próximo a ese Courel que se intúe e ao Incio polo que as serras procuran a chaira. Sen dúbida, o primeiro é o natural, conxugado co etnográfico, universo de aldeas miméticas coa contorna, de camiños abertos entre arboredos, de lameiros e prados de recendo mineral, de suspiros de garza e exhibición de merlos acuáticos. Está logo a forza e a palabra do Fiz, o valor dos seus versos que agromaron no vizoso alento deste aire e desta terra, que expresaron o sentir do seu corazón. Integradas nelas as pezas escultóricas, cada unha interpretando un poema, cada unha integrándose nun medio singular: un outeiro, sobre un río, nun souto, nunha fonte, ao pé do río, anunciando unha fervenza ou unha encrucillada. Hai que engadir o valor gastronómico, con productos locais dos que Cunqueiro escribiría un tratado e Otero unha oda; e aínda o afectivo, que se percebe a cada paso, ese afecto e ese entusiasmo cos que os membros de Ergueitos fixeron posible este proxecto, único no noso país, e que vén sendo coma unha aperta de amor.
Deixamos o paraíso de amor no vento mudo e despedímonos de novo en Sarria. Alí, e como convocada tamén ela ao abrazo, regresou a chuvia.

ROTEIRO LITERARIO POR LÓUZARA Domingo 20 de xuño

Domingo 20 de xuño

Saída de Sárria, na Casa da Cultura, ás 12:00 horas

–      Visita ás 5 primeiras intervencións escultóricas do roteiro

–      Xantar en Paredes

–      Lectura de poemas de Fiz Vergara Vilariño e actuación do contrabaixista Carlos Méndez

–      Camiñada desde Santalla até o Pozo de Beltrán, descubrindo as outras 8 intervencións escultóricas

“Só o amor é revolución”          Fiz Vergara Vilariño

ROTEIRO LITERARIO POR LÓUZARA Domingo 20 de xuño